Saturday 04 de May de 2024

Fene convértese en escenario de cine con “Prefiro condenarme”, o novo filme de Margarita Ledo


O alcalde de Fene, Juventino Trigo, mantivo un encontro coa directora de cine e o seu equipo de gravación durante a rodaxe na praia de Maniños

Trigo manifestou o “orgullo porque Fene forme parte do filme” e desexou éxito para a estrea e o seu paso polas salas de cine

Fene converteuse estes días en escenario de cinema, acollendo o equipo de gravación de “Prefiro condenarme”, o novo filme de non ficción de Margarita Ledo. As cámaras tomaron espazo en tomas interiores e exteriores durante a rodaxe da nova longametraxe da cineasta galega, que inclúe varias escenas localizadas en Perlío e no entorno de Barallobre e Maniños.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, achegouse ao set de gravación situado na praia de Maniños, acompañado pola concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira; e a de formación e emprego, Cristina García. Aló mantiveron un encontro coa directora, Margarita Ledo; o director de fotografía, Alberte Branco; e outras persoas que forman parte do equipo.

Tras o encontro, Juventino Trigo amosou “o orgullo porque Fene forme parte deste filme, amosando a súa vinculación co marisqueo e as xentes do mar, e dando voz a unha historia que non debera quedar no esquecemento”. “Estou seguro de que a atmosfera máxica debuxada pola néboa conseguirá cativar ás espectadoras”, sinalou o rexedor fenés, que tamén desexou “o maior dos éxitos na estrea e nas salas de cine” a Margarita Ledo e Alberte Branco.

“Prefiro condenarme”, a sétima longametraxe de Margarida Ledo, chega despois de “Nación” (2020), que conseguiu o premio á mellor dirección española no Festival de Cinema Europeo de Sevilla. Está inspirada na historia real dunha veciña da comarca, cuxos feitos aconteceron durante a posguerra. A súa protagonista, Sagrario, é unha mariscadora que fuxe da violencia de xénero á que está sometida para iniciar unha nova vida, incorrendo nun delito segundo a lexislación do réxime franquista.

No elenco do filme figuran nomes como os das actrices Melania Cruz, Iria Piñeiro e Mónica Camaño, que encarnan a figura de Sagrario en diferentes etapas da súa vida. Olaia Ledo e Nati Juncal forman parte da produción; Eva Veiga como co-guionista; Sisco Lariño no son; Mónica de Nut e Antón Lopo como performers e Carme Rodríguez na composición.

A gravación de “Prefiro condenarme” completarase con escenas que decorrerán en diversas localizacións. Ademais das xa comentadas de Fene, tamén haberá tomas en Pontedeume, Mugardos, Ferrol, Lugo, Castro de Rei e Santiago de Compostela, entre outros.